lunes, 8 de febrero de 2021

DON XAVIER, (o mullereiro).

 


"Como ladran, como ouvean, como choran os cans do Neto, do Tico, da Beira, no rueiro!" "Disque está moi maliño, na agonía, aló, en Sevilla, don Xavier, o afillado da señora Pepa de Félix. Pono no telegrama de antonte."
Benqueridos veciños, véñovos preguntar se, por casualidade, gardades viva a imaxe de don Xavier. De cando en cando, precedido da alerta dos paxaros, arribaba a Louro e aquí, entre nós, pasaba unha tempada, hóspede da señora Pepa de Félix, na Casa do Arco, na mesma alcoba onde o Almirante Cristóbal Colón, segundo figura no rexistro de entrada, vivira quince días para afondar no estudo do Calendario Lunar da Laxe das Rodas, que obra na estación rupestre do Chan da Eiroa, na baixada de Taxes, antes da Pallagheira. A memoria é moi fráxil e moi selectiva, e, se cadra, téndelo esquecido.
Don Xavier, o sobriño daquel famoso cura de Chacín, notario de profesión, rexistrador da propiedade ou algo semellante, é un cristián vello máis católico có papa, máis conservador có sal e có aceite de oliva nas latas de conserva, máis verde có pemento picante, é un homiño gordecho, barriga prominente, embutido nun amplo pantalón suspendidos de tirantes cruzados. A este suxeito tan distinguido nos títulos e nos coñecementos, polo visto, pouco lle pode ser negado: o seu desenfreado interese polo eterno feminino sáltase algunhas formalidades e aqueles ollos bicheiros seus, cobizosos de femia, e logo as súas mans delicadas a correr, esfameadas, detrás das solteiras, das casadas, das viúvas, na procura de cachas opulentas.
O tempo non transcorre de balde. Disque a don Xavier tampouco lle perdoan os anos, que lle doen os ósos, que o corpo se lle nega a viaxar desde Sevilla á nosa aldea. En vista diso, a señora Pepa de Félix alúgalles, coma caseiros, aos do Pepa de Lira, as leiras e a casa de labranza, cambia ese domicilio por outro máis moderno, tamén da súa propiedade, na Rúa do Forno, cerca dos de Sarola, de Xulio, do Moreno..., de Domingos da Vella.
Agora, de fonte limpa, sabémolo, porque nolo contou o cronista oficial do ABC en Andalucía, polo Ano Santo, de viaxe a Fisterra: Acompañado por un amigo íntimo de manga ancha, cóengo canonista na Giralda, confortado polos santos sacramentos, inclusive o da extrema, don Xavier chíscalle un ollo á doncela asistenta, e proponlle matrimonio diante de seis persoas, e ordénalle ao axudante da súa notaría que, sen demora, encargue dous billetes de ida e volta a París, en primeira clase, para a súa viaxe de noivos. E agarra ben forte dunha perna á pobre Micaela.
Nota bene.- O importe dos boletos do tren, grazas ás influencias, puido ser devolto e integramente destinado a obras benéficas pola alma do finadiño. Os cartos da reserva no "Royal Hôtel", nin a tiros, volveron dos Champs Elysées, de Paris, de La "douce" France, as dúas mil pesetas traducidas en francos.
(Rioderradeiro)
May be an image of actividades ao aire libre e monument


No hay comentarios: