sábado, 14 de enero de 2023

MICHETO e O HOME MALO (debate e competición)

 MICHETO e O HOME MALO

(debate e competición)
******************************************
Aínda estou a velos a discutir e a bracear, alporizados os dous, desde a amura de estribor, onde pesco, á parte, ás xarretas. Escóitoos mellor se poño a orella dereita a sotavento, que son xordo natural do oído esquerdo:
- ... e agora cala e déixame falar coa miña media laranxa- Lois, o Micheto, ten concertada, chova ou vente, unha cita telepática, sempre á mesma hora, coa consorte.
- Home, claro, a Ramona da Laxiña, abeirada á lareira, ha compreder e contestar, punto por punto, ás túas tolarías- Pepe do Caxeto, o Home Malo (que non che é malo en por si, senón só insensato) replica con sorna, pero, de pouco acá, despois de ter pasado polo cuartel da garda civil de Muros e do xulgado, cun ton máis comedido e rebaixado.
- Cala dunha puta vez, que me distraes e, por culpa túa, a miña Ramona tamén pode perder a concentración e írselle todo o leite por fóra-, e Micheto adopta unha posición reconcentrada, ascética ou mística, coma quen levita, arroubado...
O Home Malo (que non che é malo en por si, en absoluto, senón só insensato), por sorte, abandona o debate e os tripulantes do Matilde, non sei se por boca de Cofa, de Pancho, de Petusco ou de Pelegrino do Campo, propoñen unha carreira obrigatoria de desempate, polo areal de Siside, entre os dous amigos adversarios dialécticos, cando desembarquemos na ribeira. A xornada de pesca, no mar, se non pescas rabo de peixe e non cambias de caladoiro, faise dura, monótona, moi... moi aburrida.
- Corre, ti, Caxeto, corre, campión de Cucheriños...!!!- Torea e Davide da Pirucha non lle din Home Malo para non lle despertar o aciago recordo de cando desenfundara o seu revólver clandestino e se puxera a disparar ao teito do bar, en cas "Filipe".
- Anda, voa, Micheto, gañador, que o sinta, que te vexa Ramona...!!!! - Estes ánimos de alento, os azos de empurrar, dámosllos nós, Filomeno e máis eu, que somos, para o caso, do Rueiro de Abaixo, e tamén inocentes.
(Rioderradeiro)