lunes, 8 de febrero de 2021

CHIFLIDO e PAPITO.

 



Ao señor Xaquín Noceda dicíanlle "o Chiflido" polas chanzas que se traía coas súas (presuntas) cagarrelas perpetuas, e "andar de Chiflido" pasou a significar, entre nós, coller unha diarrea, tomarlle cariño e non abandoala, empatando unha cagarría con outra, durante unha boa tempada. Orixinario dunha localidade veciña, casado en Louro coa señora Auxiliadora; ausente da parroquia, na emigración, máis de tres décadas, o seu regreso da Habana tivo forte eco na aldea, porque era persoa ocurrente, de carácter festivo, e tiña orixinalidades dignas de seren levadas aos escenarios: á ópera, ao campo da zarzuela (na Corrala), ao teatro e ao cine en branco e negro. O fillo menor, Pepe, que adoraba ao señor Xaquín, corría detrás del chamándolle: "Papito..!, Papito..!,Papito..!, Papito..!", e non paraba do invocar o benxamín da maneira.
Traían os retornados da Maior das Antillas unha saudosa lembranza tan forte e tan manifesta, que sempre os diferenciaba, acompañados por ela na fala, nos usos e costumes, para o resto da vida. Eso resultaba, desde logo, quen se atreve a negalo?, evidente. Cando dous, tres (ou catro) "cubanos", poñamos, o Refornido da Forona, o Xusto Blanco de Lira e o Xaquín Noceda ("Chiflido") coincidían en cas Ánxela, na do Ghrelo, na de Gharsía, en cas Ghumersindo..., tema!, había tema para largo, copa vai, copa vén..., ata petaren polas ventás da taberna os primeiros raios da amencida.
Aquel país, que país!; aquelas liberdades en materia carnal, que liberalidades!; aquela vida sen présas, que vida!; aquelas mulatas a moveren cadeiras ao ritmo de "guajiras", de "danzóns", de "rumbas"; aquel existir xuvenil, musical, despreocupado, sen tregua, traíalles recendos a flores frescas, a ron, a paraíso (na cabeza aínda non totalmente perdido). Oíalos falar e soñabas; escoitábalos cantar, acenar, zapatear, buligar, manteren un diálogo corporal os uns cos outros, e consigo mesmos..., e pensabas na luz, no calor, no lecer, no pracer, na ledicia. Os tres, sen emabargo, éranche ben distintos: o Refornido, pobre, pequecho, un tanto primitivo, resignado a se refuxiar nos recordos máis gratos; Xusto Blanco (don Justo), espiritista practicante, católico fervente, no papel de indiano trunfador, casa-almacén en primeira liña de praia, casado cunha moza tímida, obediente...
Xaquín Noceda, "o Chiflido", o pai de Camila, o pai de Lucas, o pai de Pepe, para min o máis auténtico, o mais interesante, o máis completo, unha historia realista e romántica a resumir, entre traballos e necesidades, digamos, coma a dun proxenitor optimista, acubanado, orixinal, distinto. Gustáballe a festa? Si, coma a tantos e tantos. El mantiña, non cabe esaxerar, unha relación cordial, equilibrada, por correspondencia, coa aguardente e co tinto Ribeiro da Arnoia.
A pé desde Muros, zapatos de charón na man, despois de ter desembarcado do Carreto, para logo calzalos. A grito pelado en chegando ao outeiro da Cruz da Pedra: "Auxiliadora..!, Auxiliadora..!, estoy de vuelta de la Habana de Cuba. Quieres hombre o prefieres dinero? Si prefieres dinero, ahorita me devuelvo. Si quieres hombre sin fortuna, aquí me tines para lo que sea." O resto xa o sabedes.
E así se explica, por se alguén o esqueciu, que a Pepe lle chamemos, aínda hoxe, PAPITO! Ten moito fundamento.
(Rioderradeiro)

No hay comentarios: