miércoles, 9 de septiembre de 2020

O CURA CALDEIRADA.




   - Pepiño, e esa mancadela na cachola?
   - Nada, non foi nada, dous fighos que lle arrinquei da figheira parroquial e vén o Caldeirada por detrás ás pedradas comigho.
  - Como, por dous fighos?; condenado de cura, ata mala centella o parta! Eso non se fai, e con menos razón aínda un home de Deus, que debería, como pide o Evanxeo,  levarse ben cos nenos.
  - Si, mamá, a ese cabrón heino esperar eu cun pau no escuro e tamén lle hei dar unha bo coiazo na croa.
  - Pecadento..., na croa do Noso Señor Xesucristo!, ai, ai..!, onde imos parar!, direitiño para o inferno.

  Ata onde a memoria me alcanza, algúns curas de Louro, por un ou por outro motivo, deixaron pegada fonda, en branco e en negro (desde logo, consonte cos respectivos tempos) nos historia da parroquia. A algúns coñecinos e, en certo modo, trateinos, como tratan os nenos a quen consideran xerarquicamente por enriba deles. A don Santiago Bello, home accesible, de natureza bondadosa, cando nos deixou, boteino moito de menos. A don Alejandro, (Alejandro Tarrío, do Freixo, creo recordar), un místico, deixeino eu, pois ausenteime do lugar media ducia de anos e, á volta, xa atopei a súa praza ocupada; don Alejandro intentara (e puxo moito empeño) cambiar a fórmula habitual de saúdo á nosa veciñanza; no canto de "bos días", "boas tardes", "boas noites", el quería impor e xeneralizar un "Ave María Purísima" que o cubriría a satisfacción todos os compartimentos da xornada. De Molinos (don Manuel Molinos) vou falar pouco, porque foi un fenómeno complexo e non encarrilaría ben as palabras para describilo, non sería eu quen de lle facer xustiza; era, eso si, polémico, por non dicir atípico, desde logo que o era, e aí deixo a cousa. Houbo máis, coas súas correspondentes particularidades; pero non me interesan.


   Bautizárame, segundo teño entendido, un tal Lourido (don Manuel Lourido, da Serra de Outes), un tipo fachendoso, forte, franquista el, autoritario el, temido el, inquisidor el (falo de oídas); porque, tralo Golpe de Estado (do 36), acadara aquel poder de firma capaz de definir a túa conducta "moral e política", ... e, ao parecer, nos seus certificados, ás veces, manexaba a hipérboles que te poderían meter en serios problemas.  Iso escoiteino máis dunha vez, e viña dunha fonte confiable e ben limpa. Menos mal que non se eternizou onda nós, pois ascendeu, por méritos, no escalafón diocesano e foi parar á Pastoriza, cerquiña da capital da provincia, onde, a non moi tardar, Franco madaría facer un encoro. 


   Pero quen, en verdade, máis me interesa é o Cura CALDEIRADA. Pobre criatura! Pobre home! E aquel cabalo seu, ceibo, coma se non tivese dono, a pacer, no campo santo de Vilares, por entre as sepulturas. Que triste signo o deste crego! Na década dos vinte aos trinta e algo (antes do inefable Lourido de infeliz recordación), cóubolle o infortunio de ser enviado á parroquia de Santiago de Louro a don Ramón Rodríguez, da bisbarra de Noia, o Cura Caldeirada. Tempos revoltos aqueles: crise do 29, carestía de vida, descontento, fame, desesperación, protestas. Sendo, como era, pusilánime, pouquiña cousa, coma un rato no río, e de estar, como estaba, mal dotado para as mañas de convencer e para impor disciplina ao abeiro do dereito canónico, os fieis tampouco o tomaban en serio:  - Rapariga, por favor, diraslle a túa nai (e a túa avoa) que, antes de cumprir co precepto, me veñan traer os ovos e pagar a oblata; entendiches, meniña? - "Entendichín", si señor! O Cura CALDEIRADA, santo e solto, nas misas, nos bautizos e nos enterros, nos responsos, endexamais desaproveitaba a ocasión de pedir (tamén che é ben certo que o necesitaba) que se practicase máis e mellor (con el)  o Mandamento da Igrexa dos "diezmos y primicias".  - Que dixo, hoxe, durante a homilía, o cura, rapaza? - Pois dixo..., dixo..., que ía dicir?, o de sempre, que había que ser bos e paghar a oblata.  - Demo de crego, nas mesmas, non para coas súas, non cambia. Cada proposta, cada medida, cada palabra súa, non acadaba eco; levábaa o vento deseguida. 


  Hai rebumbio no lugar de Louro. Unha boa morea de veciños, plantados (nas horas do serán; é sábado) diante da casa parroquial, enxordecen coa lista de agravios ao crego e á súa criada, e danlle o ultimato: - Fóra, Caldeirada! Fóra! Lisca de onda nós, do igrexario de Vilares, antes de que te collamos polos catro pelos da croa e te arrastremos ata a Revolta do Vento! Fóra, cabrón..! E aínda palabras máis mal soantes e expresión de moito peor contido. 


   Moncho de Perpetua e mais Andrés da Canceliña, ás nove do día seguinte, á Porta de García, diante de toda a veciñanza (porque era domingo), informaron da partida do Cura CALDEIRADA. "E mirade o que foi poñer neste papel de barba o puñetero":  "Y en cualquier lugar que no os reciban ni os escuchen, al salir de allí, sacudid el polvo de la planta de vuestros pies en testimonio contra ellos" (Marcos 6:11). 


  O señor Manolo de García, a quen, en privado, todos lle chamamos PILATOS, entón Alcalde de Barrio e tamén Concelleiro no municipio de Muros, debruzado (coma de costume) na ventá da taberna que mira á EIRA DOS MARCOS de fronte polo lado dereito, lavaba as súas mans (de dedos amarelos) liando o enésimo cigarro da mañá con picadura de "caldo de Ghaliña".  


    (Rioderradeiro)