lunes, 8 de febrero de 2021

MANUEL DE PIÑEIROS.

 




Na igrexa parroquial (en Vilares) e na conventual (en Sahorta de Arriba), durante as cerimonias litúrxicas comunitarias, a súa devoción destacaba: entre as duascentas, trescentas, catrocentas persoas asistentes ao acto, a súa voz característica, o seu sobreactuar místico acaramelado, delatábano e ubicábano sen o menor esforzo. Manuel de Piñeiros, fillo da señora Emilia de Piñeiros, curmán de Lucas, de Camila, de Pepe..., por lle citar parentes de proximidade, era un ser ambicioso, carente de fortuna patrimonial, un autodidacta esforzado, na procura dun ascenso pola escala que apunta directamente á burguesía, que o tiña ben difícil. Non se lle coñecen veleidades reivindicativas nin asociativo-gremiais con ningún semellante. Manuel vai por libre, reverencia o poder e , sen discusión nin reserva mental, en corpo e alma, a el se consagra e se subordina.
A xeración loureá escolarizada nos anos trinta e, máis en particular, en tempos da Segunda República, beneficiouse da calidade e do entusiasmo dos docentes, en consoancia cos novos aires pedagóxicos de modernidade aperturista, rompedora das rutinas e rémoras que mantiveran a escola medievalizada. Cabe salientar, entre a ringleira de discentes receptores daquela estupenda formación, a un Agustín González, a un Luciano Piñeiro, a un Manuel da Rouro, a Juan de Pais, a Pepe Vigo..., alumnos destacados nas súas profesións, que deixaron unha forte pegada, un paradigma, un exemplo nos eidos da cultura material e no cultivo das letras. O caso de Manuel de Piñeiros, repetimos, é un punto e á parte.
"Bos días, señor Antonio e señora Constantina, e toda a súa compaña." Manuel de Piñeiros, valéndose da súa formal (esmerada) educación, das súas cualidades engaiolantes e dalgún enchufe particular, acadou, pola vía de selección pastoril, un carguiño ("factótum") coma axudante contable na fábrica dos Carraspellos. O seu xornal, un patacón diario. Pero xa manda algo. O traballo das listas e dos números (tarefas de oficina) non lle lixa o bombacho e permítelle aprender a verse por enriba de quen cortan o peixe, límpano, enlátano, empácano e arromban o produto nas patelas. O domingo está reservado ao lecer, á lectura dos ABC atrasados do "amo", a escribir noveliñas heroicas, sentimentais, protagonizadas por xente de ben: por condes, por príncipes, por princesas..., e a se procurar, queimándose as pestanas coa luz dunha vela, unha carreira literaria de éxito. E a ver se llas publican, por entregas, no ABC, baixo o patrocinio de don Juan Ignacio Luca de Tena.
Coñecino, na década dos sesenta, á volta das Américas, traxeado ao estilo arxentino, sen un peso no peto, cortés, derramando erudición imperial e cantos patrióticos de serea, mantiña a dignidade dun fidalgo de goteira, daba algunhas clases particulares para aguantar do alento e convidaba a debater, na Casa da Rata, un proxecto ateigado de soños: "que ben nos viría, no cume da Madanela, en Monte Louro, a próxima EXPOSICIÓN UNIVERSAL, coa presenza activa de toda a hispanidade. Unha manchea de cartos e de publicidade, unha riqueza. Só faltan os apoios institucionais, unha minucia, e que tomen en conta o meu proxecto, ben documentado, ben estudado, serio, completo, sen lle cambiaren unha coma.
Cóntollo ao meu pai; o meu proxenitor enfríame o entusiasmo: "Ese home é un iluso, replícame; polo visto, pretende convertir o Monte Louro nun parafuso (un "tornillo"), sen proveito ningún, ruinoso, sen ningún sentido..."
Manuel de Piñeiros, alá polos setenta, reorientou as súas fantasías de gloria e curou a pobreza coa exportación de granito, pulido e a granel, baixo a denominación de PEDRA ROSADA PIÑEIROS DO PORRIÑO.
(Rioderradeiro)

CHIFLIDO e PAPITO.

 



Ao señor Xaquín Noceda dicíanlle "o Chiflido" polas chanzas que se traía coas súas (presuntas) cagarrelas perpetuas, e "andar de Chiflido" pasou a significar, entre nós, coller unha diarrea, tomarlle cariño e non abandoala, empatando unha cagarría con outra, durante unha boa tempada. Orixinario dunha localidade veciña, casado en Louro coa señora Auxiliadora; ausente da parroquia, na emigración, máis de tres décadas, o seu regreso da Habana tivo forte eco na aldea, porque era persoa ocurrente, de carácter festivo, e tiña orixinalidades dignas de seren levadas aos escenarios: á ópera, ao campo da zarzuela (na Corrala), ao teatro e ao cine en branco e negro. O fillo menor, Pepe, que adoraba ao señor Xaquín, corría detrás del chamándolle: "Papito..!, Papito..!,Papito..!, Papito..!", e non paraba do invocar o benxamín da maneira.
Traían os retornados da Maior das Antillas unha saudosa lembranza tan forte e tan manifesta, que sempre os diferenciaba, acompañados por ela na fala, nos usos e costumes, para o resto da vida. Eso resultaba, desde logo, quen se atreve a negalo?, evidente. Cando dous, tres (ou catro) "cubanos", poñamos, o Refornido da Forona, o Xusto Blanco de Lira e o Xaquín Noceda ("Chiflido") coincidían en cas Ánxela, na do Ghrelo, na de Gharsía, en cas Ghumersindo..., tema!, había tema para largo, copa vai, copa vén..., ata petaren polas ventás da taberna os primeiros raios da amencida.
Aquel país, que país!; aquelas liberdades en materia carnal, que liberalidades!; aquela vida sen présas, que vida!; aquelas mulatas a moveren cadeiras ao ritmo de "guajiras", de "danzóns", de "rumbas"; aquel existir xuvenil, musical, despreocupado, sen tregua, traíalles recendos a flores frescas, a ron, a paraíso (na cabeza aínda non totalmente perdido). Oíalos falar e soñabas; escoitábalos cantar, acenar, zapatear, buligar, manteren un diálogo corporal os uns cos outros, e consigo mesmos..., e pensabas na luz, no calor, no lecer, no pracer, na ledicia. Os tres, sen emabargo, éranche ben distintos: o Refornido, pobre, pequecho, un tanto primitivo, resignado a se refuxiar nos recordos máis gratos; Xusto Blanco (don Justo), espiritista practicante, católico fervente, no papel de indiano trunfador, casa-almacén en primeira liña de praia, casado cunha moza tímida, obediente...
Xaquín Noceda, "o Chiflido", o pai de Camila, o pai de Lucas, o pai de Pepe, para min o máis auténtico, o mais interesante, o máis completo, unha historia realista e romántica a resumir, entre traballos e necesidades, digamos, coma a dun proxenitor optimista, acubanado, orixinal, distinto. Gustáballe a festa? Si, coma a tantos e tantos. El mantiña, non cabe esaxerar, unha relación cordial, equilibrada, por correspondencia, coa aguardente e co tinto Ribeiro da Arnoia.
A pé desde Muros, zapatos de charón na man, despois de ter desembarcado do Carreto, para logo calzalos. A grito pelado en chegando ao outeiro da Cruz da Pedra: "Auxiliadora..!, Auxiliadora..!, estoy de vuelta de la Habana de Cuba. Quieres hombre o prefieres dinero? Si prefieres dinero, ahorita me devuelvo. Si quieres hombre sin fortuna, aquí me tines para lo que sea." O resto xa o sabedes.
E así se explica, por se alguén o esqueciu, que a Pepe lle chamemos, aínda hoxe, PAPITO! Ten moito fundamento.
(Rioderradeiro)

O couce na entreperna.

 


"Oes tí, mocoso, por que lle deches un sopapo nun ollo ao meu irmán Juanito? Anda, vén aquí!" E vou. E dame un bo lapote, e tírame dunha orella, a piques de ma arrancar do sitio.
Se cadra, tamén teredes observado o comportamento dos taxistas, dos funcionarios da administración pública, dos letrados de prestixio nos concellos pequenos, dos cregos das parroquias, dos cabaleiros mutilados, dos taberneiros... E moito coidadiño cos fillos deses poderes fácticos: "xa llo contarei todo a papá." Reparade no poder psicolóxio dos taberneiros, de cando, ao abeiro dun Mencía, dun Valdeorras, dun Ribeiro..., os bares eran universidades, cátedras de discusión sobre o divino e sobre o humano. O taberneiro, mando en praza, propietario do escenario, dispón de tempo indefinido para escoitar, para aprender dos actores desinhibidos as súas virtudes e tódalas súas debilidades. O saber é poder, desde logo.
Dono, como digo, dos secretos de alcoba dos habituais clientes, o taberneiro faise experto na administración desa escoita, en proveito propio, a favor do negocio. Ás veces, o bébedo, pídelle parecer, confésalle un pecado. El goberna as palabras do seu veredicto coma, decote, administra o viño que verque na cunca do cliente, nin unha gota de máis, nin unha pinga de menos: fala o xusto, con tino, e tamén en clave para engadir misterio. A base do negocio consiste precisamente niso.
Manolo de Gharsía, O GHICHO, por herdanza, por oficio, por fortaleza física, por carácter, exerce sobre os da súa andaina unha autoridade equivalente á dos capitáns de navío e á dos psiquiatras na mesa-camilla. Desde a barra do bar do seu avó Pilatos, este mozo lidera e ditamina. Total, que, sendo el (daquela) un "influencer" catalizador das "movidas loureás", nos asuntos nos que se involucra, acada un resultado, polo regular, coherente cos intereses (lícitos) e coa boa imaxe (de intocables) do Clan dos Gharsía. Comete, sen embargo, o pequeno erro de me pegar; porque, presuntamente, eu lle pegara antes ao meu colega, o seu irmán Juanito.
"Gharsián, vellón, abusón, quen te cres ti para maltratares da maneira ao meu fillo?" E a miña nai, sen se encomendar a Deus nin ao demo, na Eira dos Marcos, diante de todo o mundo, aséstalle tal couce na entreperna, que o dobra polo van, que o encrequena, que lle corta o respiro.
Nota bene.- Manolo de Gharsía (a quen apreciei máis tarde), O GHICHO, que tiña fondo nobre, a partires de entón, tomoulle máis respecto á coautora dos meus días. E sempre lle dicía: "Carallo coa mosquiña morta..! María da Roura, coño, "la leche", como arreas..!"

(Rioderradei)

DON XAVIER, (o mullereiro).

 


"Como ladran, como ouvean, como choran os cans do Neto, do Tico, da Beira, no rueiro!" "Disque está moi maliño, na agonía, aló, en Sevilla, don Xavier, o afillado da señora Pepa de Félix. Pono no telegrama de antonte."
Benqueridos veciños, véñovos preguntar se, por casualidade, gardades viva a imaxe de don Xavier. De cando en cando, precedido da alerta dos paxaros, arribaba a Louro e aquí, entre nós, pasaba unha tempada, hóspede da señora Pepa de Félix, na Casa do Arco, na mesma alcoba onde o Almirante Cristóbal Colón, segundo figura no rexistro de entrada, vivira quince días para afondar no estudo do Calendario Lunar da Laxe das Rodas, que obra na estación rupestre do Chan da Eiroa, na baixada de Taxes, antes da Pallagheira. A memoria é moi fráxil e moi selectiva, e, se cadra, téndelo esquecido.
Don Xavier, o sobriño daquel famoso cura de Chacín, notario de profesión, rexistrador da propiedade ou algo semellante, é un cristián vello máis católico có papa, máis conservador có sal e có aceite de oliva nas latas de conserva, máis verde có pemento picante, é un homiño gordecho, barriga prominente, embutido nun amplo pantalón suspendidos de tirantes cruzados. A este suxeito tan distinguido nos títulos e nos coñecementos, polo visto, pouco lle pode ser negado: o seu desenfreado interese polo eterno feminino sáltase algunhas formalidades e aqueles ollos bicheiros seus, cobizosos de femia, e logo as súas mans delicadas a correr, esfameadas, detrás das solteiras, das casadas, das viúvas, na procura de cachas opulentas.
O tempo non transcorre de balde. Disque a don Xavier tampouco lle perdoan os anos, que lle doen os ósos, que o corpo se lle nega a viaxar desde Sevilla á nosa aldea. En vista diso, a señora Pepa de Félix alúgalles, coma caseiros, aos do Pepa de Lira, as leiras e a casa de labranza, cambia ese domicilio por outro máis moderno, tamén da súa propiedade, na Rúa do Forno, cerca dos de Sarola, de Xulio, do Moreno..., de Domingos da Vella.
Agora, de fonte limpa, sabémolo, porque nolo contou o cronista oficial do ABC en Andalucía, polo Ano Santo, de viaxe a Fisterra: Acompañado por un amigo íntimo de manga ancha, cóengo canonista na Giralda, confortado polos santos sacramentos, inclusive o da extrema, don Xavier chíscalle un ollo á doncela asistenta, e proponlle matrimonio diante de seis persoas, e ordénalle ao axudante da súa notaría que, sen demora, encargue dous billetes de ida e volta a París, en primeira clase, para a súa viaxe de noivos. E agarra ben forte dunha perna á pobre Micaela.
Nota bene.- O importe dos boletos do tren, grazas ás influencias, puido ser devolto e integramente destinado a obras benéficas pola alma do finadiño. Os cartos da reserva no "Royal Hôtel", nin a tiros, volveron dos Champs Elysées, de Paris, de La "douce" France, as dúas mil pesetas traducidas en francos.
(Rioderradeiro)
May be an image of actividades ao aire libre e monument