lunes, 8 de febrero de 2021

O couce na entreperna.

 


"Oes tí, mocoso, por que lle deches un sopapo nun ollo ao meu irmán Juanito? Anda, vén aquí!" E vou. E dame un bo lapote, e tírame dunha orella, a piques de ma arrancar do sitio.
Se cadra, tamén teredes observado o comportamento dos taxistas, dos funcionarios da administración pública, dos letrados de prestixio nos concellos pequenos, dos cregos das parroquias, dos cabaleiros mutilados, dos taberneiros... E moito coidadiño cos fillos deses poderes fácticos: "xa llo contarei todo a papá." Reparade no poder psicolóxio dos taberneiros, de cando, ao abeiro dun Mencía, dun Valdeorras, dun Ribeiro..., os bares eran universidades, cátedras de discusión sobre o divino e sobre o humano. O taberneiro, mando en praza, propietario do escenario, dispón de tempo indefinido para escoitar, para aprender dos actores desinhibidos as súas virtudes e tódalas súas debilidades. O saber é poder, desde logo.
Dono, como digo, dos secretos de alcoba dos habituais clientes, o taberneiro faise experto na administración desa escoita, en proveito propio, a favor do negocio. Ás veces, o bébedo, pídelle parecer, confésalle un pecado. El goberna as palabras do seu veredicto coma, decote, administra o viño que verque na cunca do cliente, nin unha gota de máis, nin unha pinga de menos: fala o xusto, con tino, e tamén en clave para engadir misterio. A base do negocio consiste precisamente niso.
Manolo de Gharsía, O GHICHO, por herdanza, por oficio, por fortaleza física, por carácter, exerce sobre os da súa andaina unha autoridade equivalente á dos capitáns de navío e á dos psiquiatras na mesa-camilla. Desde a barra do bar do seu avó Pilatos, este mozo lidera e ditamina. Total, que, sendo el (daquela) un "influencer" catalizador das "movidas loureás", nos asuntos nos que se involucra, acada un resultado, polo regular, coherente cos intereses (lícitos) e coa boa imaxe (de intocables) do Clan dos Gharsía. Comete, sen embargo, o pequeno erro de me pegar; porque, presuntamente, eu lle pegara antes ao meu colega, o seu irmán Juanito.
"Gharsián, vellón, abusón, quen te cres ti para maltratares da maneira ao meu fillo?" E a miña nai, sen se encomendar a Deus nin ao demo, na Eira dos Marcos, diante de todo o mundo, aséstalle tal couce na entreperna, que o dobra polo van, que o encrequena, que lle corta o respiro.
Nota bene.- Manolo de Gharsía (a quen apreciei máis tarde), O GHICHO, que tiña fondo nobre, a partires de entón, tomoulle máis respecto á coautora dos meus días. E sempre lle dicía: "Carallo coa mosquiña morta..! María da Roura, coño, "la leche", como arreas..!"

(Rioderradei)

No hay comentarios: