lunes, 16 de enero de 2023

os TRES DE SEMPRE

os TRES DE SEMPRE
********************************


- ... oes, ti, escoita, mexebo, e pecha o pico dunha vez e vai ao ghaliñeiro noso das Espighiñas buscar os ovos e a lle apalpar o cu ás polas franciscanas, e despois nin se che ocurra chupar o dedo!- As palabras da Remixia son de moitísimo mando e non che admiten réplica nin demora.
Advirto: Os nomes reais das persoas deste relato (verídico, desde logo) están maquillados con seudónimos para salvagadar o meu dereito de expresión e desarmar as posibilidades dunha querela, por alusións, no Xulgado de Muros, como xa me ten acontecido, hai dous anos, nun caso semellante.
Claudio do Caxeto, machista, mecánico naval, un metro sesenta e cinco (1,65 m.) de estatura, musculado e ben proporcionado El de medio corpo para arriba, voz baritonal, acenos de suboficial de instrucción da infantería colonial montada, insolente, abusón, envexoso..., desagradable, etc., etc.
Arximiro Rodeiro, bancario (que lle vén de familia), bacharel elemental sen reválida, un metro sesenta e sete, grazas aos tacóns de plataforma, obra e milagre da Zaparía Paxariño. A característica principal do Arximiro reside no coñecemento práctico das regras de tres (a directa e a inversa) aplicadas á economía e á dialéctica política ponderada, Rodeiro ata semella humilde.
Ao Florencio Cuspido, tamén pequenote de altura, afrautado de ton, chusqueiro empapado de doctrina, de virtudes e de ordenanzas militares, ao Cuspido -digo- a tertulia cos seus colegas cáelle a contramán, pois, por lei, non se lle permite empurrar o pé no acelerador para impor os seus coñecementos e criterios, cousa que, sobre todo o Claudio do Caxeto, -repito- envexoso en por si, de ninguha das maneiras lle tolera; porque o coñece desde neno e lle nega a categoría correspondente ao ascenso social, acadado a pulso, na Armada, correspondente ao grado de Comandante de Marina.
Hábidos lectores da prensa conservadora e da salsa rosa do corazón (obrantes no Casino, que xa está paga), seguidores de Radio Nacional, do Real Madrid, acérrimos de Florentino, persoas, polo tanto, de orde, de dignidade e de goberno, cosmovisión de pensamento único, os TRES DE SEMPRE só defiren no tamaño do ego de cadaquén, que non che é moco de pavo, senón fonte inesgotable de conflitos por un quítame de aí estas pallas; entón, non para convencelos, senón para vencelos e mesmo humillalos, é cando Claudio do Caxeto, sobre todo (cabe salientar) o Caxeto, tira de artillería e da forza argumental do propio CURRICULUM VITAE, arremete, inmisericorde, contra os outros dous e méntallas ás nais e ás familias respectivas, e a ver quen a ten (a pichola) máis longa.
A liorta do Venres Santo do 2015, no Lugón, polo visto, foi de campionato. E tivo, como ben sabemos, irreparables consecuencias. Unha pena!
- ... Claudio, ti, mexebo, antes de entrares na casa, sacude a roupa fóra, descalza, deixa as botas á porta, e pon os ovos na artesa..., e métete dereitiño no baño... !!!- A Remixia, que non perde o tempo en contemplacións, non pasou da primaria...
(Rioderradeiro)

sábado, 14 de enero de 2023

MICHETO e O HOME MALO (debate e competición)

 MICHETO e O HOME MALO

(debate e competición)
******************************************
Aínda estou a velos a discutir e a bracear, alporizados os dous, desde a amura de estribor, onde pesco, á parte, ás xarretas. Escóitoos mellor se poño a orella dereita a sotavento, que son xordo natural do oído esquerdo:
- ... e agora cala e déixame falar coa miña media laranxa- Lois, o Micheto, ten concertada, chova ou vente, unha cita telepática, sempre á mesma hora, coa consorte.
- Home, claro, a Ramona da Laxiña, abeirada á lareira, ha compreder e contestar, punto por punto, ás túas tolarías- Pepe do Caxeto, o Home Malo (que non che é malo en por si, senón só insensato) replica con sorna, pero, de pouco acá, despois de ter pasado polo cuartel da garda civil de Muros e do xulgado, cun ton máis comedido e rebaixado.
- Cala dunha puta vez, que me distraes e, por culpa túa, a miña Ramona tamén pode perder a concentración e írselle todo o leite por fóra-, e Micheto adopta unha posición reconcentrada, ascética ou mística, coma quen levita, arroubado...
O Home Malo (que non che é malo en por si, en absoluto, senón só insensato), por sorte, abandona o debate e os tripulantes do Matilde, non sei se por boca de Cofa, de Pancho, de Petusco ou de Pelegrino do Campo, propoñen unha carreira obrigatoria de desempate, polo areal de Siside, entre os dous amigos adversarios dialécticos, cando desembarquemos na ribeira. A xornada de pesca, no mar, se non pescas rabo de peixe e non cambias de caladoiro, faise dura, monótona, moi... moi aburrida.
- Corre, ti, Caxeto, corre, campión de Cucheriños...!!!- Torea e Davide da Pirucha non lle din Home Malo para non lle despertar o aciago recordo de cando desenfundara o seu revólver clandestino e se puxera a disparar ao teito do bar, en cas "Filipe".
- Anda, voa, Micheto, gañador, que o sinta, que te vexa Ramona...!!!! - Estes ánimos de alento, os azos de empurrar, dámosllos nós, Filomeno e máis eu, que somos, para o caso, do Rueiro de Abaixo, e tamén inocentes.
(Rioderradeiro)