sábado, 5 de septiembre de 2020

O predicador moralista do LAGARES.

O PAQUETE.: Boxeador do Lagares.



  - Os políticos? Os políticos, non se salva un, deberían estar todos na cadea, ou seren fusilados. Vigo, a cidade máis importante da Galiza, empeza por onde che veña en gana, unha anarquía, unha desfeita urbanística, unha vergoña; cadaquén cronstrúe onde lle peta, como quere e cando lle sae de dentro, e, logo, nós, os "paghanos", a pagar e a soportar as consecuencias cos nosos impostos. Todos comprados, todiños, sen excepción, desde a esquerda á dereita, comprados, corruptos. En ningunha outra parte do mundo civilizado (nin no noso veciño Portugal) se teñen "mirado" semellantes ilegalidades e  desastres.

  De serán, tirando máis ben á anoitecida, o paseo de orde, non falla. Dous, tres pasos por diante, Bouza, a cadeliña caniche, limpa, peiteada, recendente a flores silvestres de botica. Pepe dialoga formalmente con ela para reclamar a atención dos paseantes do Lagares. Escenifica, en relidade, un monólogo interior provocativo que ten por obxectivo acadar a colaboración de potenciais adversarios que lle entren ao trapo.  As contrariedades e as frustracións de Pepe de Bembrive son moitas e contra moitos, e el vainas collendo, arrastrado e distribuíndo polo guión desde que pon os pés na rúa. Lévase a matar con tódolos rapaces veciños e cos da barriada, "que son uns delincuentes". Os mozotes (e tamén os nenos) irrespéctano, putéano, ou (abertamente) mándano ir tomar por onde poñen as galiñas.

  Está xubilado da Citroën e xa se pode permitir a licenza de botar pestes por esa boca contra a empresa e contra aqueles compañeiros que, segundo di, non o valoraron á altura dos seus merecementos. Alí, polo visto, só medran os pelotas e os dispostos a traballar, santo e solto, polo caldo, e nesa categoría fai mencións expresas por pobos e provincias. Éche ben rigoroso, e ata científico, na súa disertación psico-sociolóxica.

  Coma activista propositivo (un activista, en rigor, pasivo) non está de acordo con ninguén (Alcalde, Presidente da Xunta, Presidente do Goberno Central, Monarca..., Curas, Bispos, Arcebispos, Cardenais, Papas...) nin conforma con nada, aínda que lle veñan de asfaltar o camiño da súa horta con cartos do Concello. É duro de pelar. E bastante complexo.

 - Andrés (nós chamámoslle Millos, o da Guía), que che pareceron as que lle cantei a Caballero, esta mañá, pola Cadea Ser, ás doce do día? Comigo tena clara!

  Casado en segundas nupcias, ten un fillo da primeira muller, estudante perpetuo de Socioloxía na Universidade Pontificia de Salamanca, e unha filla da segunda, alumna do Amor de Dios, unha monada de nena, unha boneca de pura porcelana, os olliños do Pepe (voz de pito, formaliña na casa e, coma as demais da súa idade e condición, bastante desvergoñada fóra), unha adolescente chorona, á hora do xantar coas bágoas debruzando na sopa, de quen non proporcionaremos máis datos amparados na lei de protección de menores. 

  - Este mundo, con semellantes rumbos, vai mal, meu amigo, camiña na procura da súa autodestrución e ruina; porque se perderon a maioría dos valores, Millos, e non se respectan nin se obedecen aos maiores. O Andrés Millos acena coa cabeza, coma un pito bebendo nunha pía de auga bendita, ou, canso de abaixar e de subir a cabeza, economiza esforzos e cala diante del; pero onda nós déixao a caer dun burro.

   Onte, na tertulia do serán, a carón do quiosco de prensa (pechado) do estadio de Balaídos, sen que houbese provocación da nosa parte, o de Bembrive púxose a presumir do chalé que ten en Montecelo. 

   - Conque un chalé, amigo? Coño, ti es rico! - Non, home, non; é un chaboliño que, pouco a pouco, fun ampliando e reconvertindo nunha vivenda mellor que a de Vigo. - Así que esas temos, Pepe, ti predicador (de televexo e de radio, e do Lagares) do que se debe facer e non facer, tamén te saltas os proxectos de obra e as normas urbanísticas, coma se non foran contigo?

  - É un caso distinto, moi diferente, moi natural; fíxeno sen malicia, sen querer, con contratas pequenas, con albaneles e carpinteiros que traballaban durante as vacacións, nos fins de semana, de noite; o permiso que pedira para o garaxe, como xa pasabamos moitas noites alí e xa tiñamos montadas cama e cociña, foinos, pois, dando pé para ampliar, e que ningún cabrón se atreva a meterse na miña vida, se quere seguir vivo, hostia! O que me faltaba, "joooodeeeerrrr", que o mato, que lle meto as mans na ghorxa, que lle aforco o respiro!  

    (Rioderradeiro)