martes, 19 de enero de 2010

van á misa (tríptico)


Van á misa (tríptico)

(por Manuel da Roura).


I.-

Vai á misa primeira
miña nai Nela;
na man, un faroliño,
dentro unha vela.

Farola de latón,
catro cristais:
catro raios de luz
horizontais.

¡Ai, miña avoa santa!,
que ti non sabes
que vai a luz contigo
por Sistamares...

Que o camiño do ceo,
que tanto qués,
telo diante de ti,
diante dos pés.

Vella Nela da Roura,
onde ides vós,
levás a Deus convosco,
levás a "Dios".


II.-

Vai á misa das nove
dona Carmelo
cunha mantela negra
de terciopelo.

Mantela negra negra,
negro rosario,
negra mirada, negro
devocionario.

Pensa dona Carmelo
que moita xente
tén mirada perversa,
concupiscente...

Que che anda o demo
ceivo entre os mortais,
atacando as virtudes
teologais.

Para dona Carmelo,
é necesario
un acto expiatorio
polo Calvario.


III.-

Para a misa das doce,
da Confraría,
vai a señora Vélez
"y compañía".

Convidarán aos santos
a unha piñata:
Hoxe cumplen os Vélez
vodas de prata.

Os santos poñeranse
capas douradas,
puntillas de ganchiño
repinicadas.

Cando a filla dos Vélez
cante baladas,
aplaudirán os santos
dando palmadas.

Cando remate a festa,
santos e santas
regalarán aos Vélez
aliñas brancas.


(Manuel da Roura:
Cd. Bolívar, 18/10/1976)