sábado, 3 de octubre de 2020

Un novo fumador na familia



Supoñamos que veño de xogar, coma tantas veces, que en realidade de alí veño, da Eira dos Marcos, a por a merenda, e despois, á volta, hei probar os efectos do Chesterfield americano. Sobre a punta dos pés, coa flexibilidade dun equilibrista, levanto a caravilla do postigo, e finco; baixo a man na procura do tarabelo da porta, e empurro co peito e coa cabeza. A entrada ten un metro e medio escaso de fondo: o salgadoiro ateigado de peixe variado, en fronte; ao lado esquerdo, a corte do porco que, en contadas ocasións, comparte habitáculo con algunha galiña; no lateral dereito, unha división de madeira de pino pintada de cal vivo, protectora da privacidade das escaleiras conducentes ao sobrado, subdividido en dous cuartos por unha ampla e espesa cortina, individualizando dormitorios, onde facemos vida nocturna cadaquén no espazo asignado e no seu propio niño. Na entrada, antes de irmos á cociña, deixamos a vella bicicleta, que trouxera meu pai do Morrazo, pendurada, competindo cos tres badexos a curar para lle engadir argumento á intendencia da invernía. Estou na cociña; levanto a tapa da artesa, corto unha rebandiña de pan e, coa mesma, ciscállolle uns vestixios inmisericordes de azucre por enriba. Xa vou listo; se cadra, se mo propoñen, cámbiolle a Mingos de Calusa, a Nolo de Mureira, ao Carrizo, ou a Juan da Canela, o meu bocadillo polo seu de boroa; penso que me apetece.
Na Eira dos Marcos, despois de merendar, temos previsto aquel experimento inconfesable, unha partida "á pita cega", e logo correr "a tela" e "ás escondidas", que abarcará desde o Rueiro das Lamas ao Patileiro, excluíndo a Savila. Os máis veteranos non queren participar con nós nestas brincadeiras de cativos; prefiren entretérense "ao pincho", saltando os marcos, coas bólas, "á buxaina" , "á estornela", falando picardías, e tamén a escoitar aos maiores que botan "a brisca", "ao tute", "un dominó", e comentan, de aquí e de acolá, de xan e de perillán, na taberna de García; eles, pícaros, coa orella posta, á espreita, agochados ou, ben impacientes, metendo o fociño polo acceso directo ao bar ou por algunha fiestra entreaberta, na procura de coñecemento das cousas reservadas aos adultos, das máis salaces, das máis prohibidas; pero, de cando en cando, o señor Manolo, "O Pilatos" (que carácter e que mala uva a súa!) rompe ese equilibrio inestable co rabo da vasoira e coa súa voz baril de mando: "pías fóra!, pías fóra..!" E os axexadores liscan, e ao cabo de dez minutos, volven ás andadas, e o vello repite o protocolo; os raparigos, sen daren abertamente a cara, contradíceno, búrlano, insúltano: "Pilatos!, Pilaatoos..!, Pilaaatooos..!"
Hoxe, eu son dono dun secreto: aprendín a fumar e a botar o fume polo nariz, coma os adultos. A outra precupación (non inferior) obedece á miña participación nas afrontas ao señor Manolo de García, "Pilatos"; se o chega a saber meu pai, que é moi amigo del e non lle gustan tales procederes, castígame, mátame. A ver se zafo desta. Pero non me dá pasado o tempo e ata respiro mal coa carga da preocupación que levo ao lombo, coma se tivese cometido un crime.
Fun a Fontecomido; lavei a boca e cuspín un milleiro de veces. Regreso clandestinamente á casa; non sei por onde hei meterme; por sorte, ao parecer, miña nai, segundo me recibe, non o debe de saber e meu pai aínda non chegou de volta da ribeira. Ceo nun santiamén e métome, a toda présa, no catre e fágome o invisible e o dormido; dóeme o peito, o alento, a cabeza, o corpo enteiro... Que casa tan pequena para me esconder de todos e me encontrar co sono!
"María, coñeces a noticia?, temos un novo fumador na familia; mañá, a primeira hora, sen falta, apuntas ao mozo na cartilla da ración do tabaco e cómpraslle no estanco un cuarterón de picadura, que xa traballa pola profesión e ben pode manter o vicio" - dixo meu pai, por todo saúdo de boas noites, empurrando o postigo.
"Trágame, terra!"

(Rioderradeiro)