A CREBA
Dise que a Illa da Creba estaba unida antigamente á terra firme por unha ponte,
que se quebrou, e cuios restos aínda se aprecian hoxendía no fondo do mar.
I
Conta unha antiga lenda, que o romano,
De ambición imperial i estirpe recia,
Asoballada Hispania e máis Gallaecia,
Achegouse a adorar o Mar Oceano.
Alí observou como un suceso estrano,
(Despois de tanta loita e peripecia)
O que afirmaba a súa crenza necia:
Que o Sol contra O das augas loita en vano.
Puido ver un solpor vivo e directo
I erixir un altar ó deus Neptuno
Na ínsua, que na ría o lombo eleva.
Fixo unha ponte rexa, dun proxecto,
Para cruzaren Xúpiter e Xuno
E consagrou a Zeus a Illa da Creba.
MONTE LOURO
O Monte Louro é o guardián da ría e divide a Costa da Morte, da Costa da Vida (a nosa ría).
A súa silueta inconfundible lémbralle ós que saen do noso minúsculo “Mare nostrum”cara ó Mar de fóra,
o “M” da Morte e máis do perigo.
II
Separando as dúas costas co seu porte,
Érguese no final da que é da Vida
A silueta, pirámide escindida,
Do monte que divide Vida e Morte.
Atopamos no leste o Mar da sorte,
Con froita mariñeira ben surtida,
Por santos insulares bendecida,
Desde o confín do sur ata o do norte.
Cara ó Mar Tenebroso, o mar da Parca
Brúa nas súas costas, nas Lobeiras,
Con bramido feroz de bravo touro.
Esta dobre pirámide, que marca
O lindeiro entre calma e borraxeiras
É o contorno inxel do Monte Louro.
OS RÍOS DA RÍA
As augas que baixan á nosa Ría ( as do San Francisco, o Traba, o Tambre, o Tines, o Bendimón , o Riomaior,
o Xería, etc.) descenden bendecidas polos santos á cuias capelas bican o pé.
III
Baixan as augas doces cara á ría,
Bendecidas por virxes e por santos:
San Francisco e San Xusto os seus recantos
Acuosos soltan coma en romaría.
Chega o Tamara desde a Nicraría
I o Tines ven falar dos seus encantos
(Linfas que visten escumosos mantos,
Doados polo Campio i a María).
Descende o Bendimón xunta o Xoán,
O Riomaior, á beira da Mariña
I Estevo ve pasar ó da Rateira.
Dos montes de Sestaio baixa ó chan
O anxélico Xería i a Neviña
Remata coa súa fonte milagreira.
E.M. Damoa
