miércoles, 18 de noviembre de 2020

VÍCTOR PENA/ VÍCTOR DE BELUSO (nas Lobeiras)


De impacto. A noticia estoupou e sacudiu o corpo comunitario e chegou onda nós, eléctrica, fulminante, para nos ferir no máis íntimo: había dous afogados de Louro nas Lobeiras, e un era noso. A percepción do tempo, de socate, operou en min de tal maneira que, a partires dese intre, coma que se me tivesen cortado o fío entre o antes e o despois e me afectase e doese a fenda perpetrada no propio respiro. O sino rompera a repicar a defuntos polos concuñados Filolino e Víctor, casados coas irmás Canarias, Juana e María, respectivamente. A campá había de alimentar, horas e horas, o loito oficial de pranto e de tristura, que era auténtica e xeneralizada.
A tradición mariñeira loureá vén predeterminada pola ubicación da aldea (goréntame a palabra "aldea"), nun recanto da Ría de Muros, cuxas praias (a de Vieta, a do Ribeiro, a de Goday, a de San Francisco, a de Siside, a do Espadanal, a da Vouga) compoñen un mosaico en hemiciclo e son, segundo pete o vento ou se presente a estación, bos lugares de abrigo: cando o vendaval empurra forte de fóra, o Fogareiro é punto perfecto de fondeo; cando muda a nordés, toca botar a poutada en Siside; Goday e San Francisco valen para ancorar no verán e na primavera.
Corresponde mentar, arestora, as artes vencelladas á rede, en particular, a do xeito e a do boliche, coas que algúns dos nosos veciños manteñen unha relación simbiótica, complementaria; porque son traballos de ocupación parcial e moi supeditados ás demandas das industrias de salgadura dos cataláns, cambiantes ao longo do ano. Daquela, a pesca de brinca (anzol), con miñoca ou con "papona", era actividade pouco ambiciosa, por conta propia, de mera supervivencia, de troco: xirelos, xarretas, fanecas..., por patacas, por cebolas, por allos... Os Belusos (Víctor, Marcelino e Manuel), procedentes do Morrazo, forxados na Costa de Portugal en dornas ben pequenas, trouxeron, coma aportación ao panorama pesqueiro local, a novidade do cebo vivo, o bolo, aquí denominado "maghúa", que permitiría prolongar a súa estadía no mar e propiciar unhas capturas con maior beneficio económico.
En honor á verdade, non é por presumir de parente, o meu tío Víctor foi quen de se integrar e de despregar os seus variados talentos, ás mil marabillas, na parroquia de Louro: non había festa, nin foliada, nin carnaval que non contase coas súas aportacións, que resultaban sempre tan orixinais e tan divertidas. E no campo profesional, sobre todo no da pesca da robaliza con chimbo, confrontando perigo, xa non digamos; segundo o finadiño de meu pai, posuía un talento natural para ese oficio; non tiña parangón en canto á lonxitude acadada (a man) por lanzamento ao escumallo da rompente e a súa precisión matemática na puntería puña o anzol na boca do peixe, que o comungaba e tragaba..., e sucumbía. Aquilo, sen embargo, tiña (tería) un prezo e, nalgún momento, haberíalle pasar a correspondente factura.
O Golpe de Estado da Guerra Incivil do 36 colle ao meu tío Víctor (Víctor Pena), casado xa con María da Canaria, a pescar robalo e abadexo pola Costa da Morte. Chegara (poñamos) no 32, trala proclamación da República; fondeara a súa elemental embarcación de popa en estampa, aparellada con vela relinga, ao abeiro de Monte Louro, e, alí, pernoctaba el, baixo a tilla da dorna, no Fogareiro, a escasos metros da fábrica de salga dos Vieta, onde, polo visto, traballaba por medio pataco quen ía ser, en breve, a súa media costela. O meu avó Marcelino, coñecedor das súas simpatías pola UGT e polo PSOE, mandou, con toda urxencia, en bici, ao meu pai, na procura de información para saber se os falanxistas o localizaran e acabaran con el ou aínda seguía, milagrosamente, con vida.
Cando, por casualidade, atopaba eu ao meu tío Víctor, peito de lobo, que non sentía o frío e decontino usaba manga curta, a miña mirada disparabase á diana da tatuaxe da áncora impresa naquel brazo fibroso de lanzador olímpico de anzol disfrazado con pelo. Pola áncora, viente e poucos anos despois de terse empadroado en Louro, e dezanove días despois de ter sido engulido por un golpe de mar e ter desaparecido nas Lobeiras, precisamente pola áncora, foi identificado o corpo; o seu irmán menor, o meu pai, esgotado de andar, noite e día, na súa procura pola Costa da Morte, puido recoñecelo e, por fin, en certo modo, pechar (en realidade, estas cousas nunca quedan pechadas), porlle a palabra fin a aquel capítulo.
Filolino (aos remos) e Víctor (o armador lanzador) faenaban desde unha gamela, auxiliar de LOS TRES HERMANOS, en alusión aos tres fillos do meu tío Víctor PENA: Víctor, Juan e Laureano. No creo que me lean, pois ningún deles vive; de menor a maior, tamén foron deixando de navegar por este val de bágoas.
Todos afincaron semente de BELUSOS: un orgullo!
(Rioderradeiro)

No hay comentarios: