O IMPOSIBLE AMOR.
*
O meu amor é como un doce pranto
de mornas bágoas no solpor da vida,
como unha chuvia lene sobre a auga
dun mar feito de brétemas infindas,
ou un voar de pombas asustadas
no mencer dunha luz estremecida...
**
Meu imposible amor, ¿onde encontrarte?
Cando quixen nomearte, xa fuxiras.
***
Non te poido apreixar e non te teño,
nin sei se a túa sombra vai coa miña,
pero énchesme a alma de dozura
e no teu mel naufrago noite e día.
****
Máis alá do alén, alén dos mundos
que foron, que serán, ou non existan,
máis alá de min mesmo e dos meus soños,
para amarte revivirei das cinzas.
(Ramón Rey García: PAPELES ESCRITOS)
_
_