lunes, 9 de noviembre de 2009

AREA MAIOR.


Area Maior, lembranza

da mocidade fuxida,

de cando eu aquí axexaba

suca-los barcos a ría.

Area Maior, preciosa

de noite coma de día,

silandeira ou ruidosa,

ti es sempre unha marabilla:

inspiración de poetas,

paisaxe de fantasía.

(Marcelo da Rabela: Marcelo García Lariño)
_

MONTE LOURO.


MONTE LOURO.

No brasón dos meus versos,
un medallón de ouro
cun nome coruscante:
¡MONTE LOURO!

Un outeiral druídico
dos séculos primeiros
ecoa os esconxuros
dos celtas vedoreiros.

O velame do vento
acanea nos mastros
dos veleiros que veñen
abalroando os castros.

Resoa o vello chifre
espertando ó xentío
nas casoupas batidas
polo forte vaguío.

E soben polas costas
do alto medioevo
as verbas mesturadas
do román e do suevo.

Hai unha lingua nova
rolando polos cons
da ribeira. Unha música
chea de doces sons.

E vai o bardo celta
polas lubres antigas
conxurando ós canouros
con versos e cantigas.

E o seu lombo de pedra
cun medallón de ouro
soergue no mallante:

¡MONTE LOURO!

(Luciano Piñeiro)


_

O CARNEIRO DA PANCHESA



















("¡Miña nai María, que se me caeu o carneiro ao pozo!"
Pepe de Beiro.)


O carneiro da Panchesa
leva na alma escondida
unha profunda ferida
que lle queima o corazón:
matouse nun farallón
a ovelliña preferida.

Fui moza de muitos anos
para ben e para mal,
e o accidente mortal
deixouno tan dolorido,
que sendo o macho corrido
tornouse sentimental.

Co balar doutras ovellas
tén os nervios destrozados;
ten os oídos cansados
de tanta monotonía:
¡mee!, ¡mee!, todo o santo día,
¡mee!, ¡mee!, por tódolos lados.

O carneiro da Panchesa
¿por que se fui?, ¿que pasou?
¿Onde demos se agochou?,
¿por que pola madrugada,
sen despedirse nin nada,
do rebaño desertou?

Agora a vella Panchesa
vai, no monte, preguntando,
tercamente rexistrando
os pinales da Devesa;
agora, a vella Panchesa,
vai pola braña gritando.

Anda, a señora María,
sen descanso, sen soxar;
día e nuite sin parar
buscando o carneiro aquel,
chamando a gritos por el
polos outeiros do mar.

Encontrouno, atotadiño,
nunha caxola metido,
chorando a moco tendido,
chorando a grito pelado,
e levouno de contado
ás cortes do Carraxido.

Nunca se recuperou,
o animal malogrouse:
saltou ao vacío e douse
no aire un pinchacarneiro,
dentro do pozo do Beiro
caiu, e suicidouse.

Bolivar, 3-03-1978. Manuel da Roura.

DE BIRULLOS PARA FÓRA..

De Birullos para fóra
vai un home navegando,
chorando, chora que chora,
chora que chora, chorando.

Coa angustia no corazón,
coa dor na alma enteira,
os ollos no Caldeirón
e coa alma na ribeira.

Adeus, toxos de Naraio,
pampillos do Pateleiro;
floriñas do mes de maio,
cereixas do "cereixeiro".

Gorrións das cabaceiras,
anduriñas do verán,
pardillos de entre as toxeiras,
paspallás: canto do pan.

Fanequiñas do queixal,
graxes de Pedra de Espiño;
lorchas baixo do pinal,
e vellos do Outeiriño.

Braña con sembra de liño,
braña con herba mollada,
braña co seu ceboliño,
braña de verde sembrada.

Mordendo o eixe a deituira,
carros cargados de argueiro,
ouvían na corredoira
e chían polo Outeiro.

Filloas das pallagueiras,
carnes mortas do porquiño,
carnes de poucas maneiras,
de todo o ano, caldiño.

Adeus mozas de Lariño
que, de Muros en manada,
íades todo o camiño
anda, berra, berra e anda.

(Manoel da Roura)