sábado, 14 de noviembre de 2020

HERBÓN (5) (Eliseo Seoane Bardanca, Prefecto de Estudos)

 

Os referentes obxecto da nosa devoción, porque nolos propuñan coma modelos, eran o canonista Campelo e o científico Seoane. José Campelo Fabeiro estaba considerado un experto en temas relixiosos, unha autoridade ético-moral, segundo dicían, e, nos temas que tocaba, considerabase moi solvente: "para saíres de dúbidas, consulta con Campelo...", aconsellábante. Aínda que residía en Santiago, de cando en cando, viámolo por Herbón acompañado de don Paulino Pedret e do astrónomo Ramón Mª Aller, a debateren, peripatéticos, das súas cousas, pola fraga do cenobio adiante.
Ao Eliseo Seoane Bardanca, un mito, supuñámolo en Londres, afondando nas "sulfamidas arsenicais", que fora o núcleo da tese do seu traballo de doutoramento, ou investigando "as plantas endémicas da Comunidade valenciá..." Venerabámolo, pois, de oídas, baseados nunha admiración voluntarista, dogmática, pouco documentada.
Cacheda. Jorge Horacio Cacheda mantiña coas ciencias exactas unha relación fluída; coa sintaxe, coa prosodia e coa fonética castelás, pola contra, sostiña desavenzas claras e, ás veces, ben fortes discrepancias. O transvasamento do idioma maternal (o de Rosalía) ao de Cervantes, o que, na actualidade, denominamos "inmersión lingüística", tropezaba no seu aparato articulatorio fonador con infranqueables atrancos. Cando, por quenda, lle correspondía ler, no refectorio, todos estabamos á espreita das súas aportacións ao ámbito dos castrapos máis enxebres.
É festivo. Celebramos o san Antonio, o noso padroeiro; no xantar, media ducia de pratos esquisitos (e pódes repetir!), viño da casa (ullán), postre, café e unha pinga de augardente que levanta a moral e ponlle alas ao noso ánimo. Esta lectura do Cacheda, interrumpida abruptamente polo "Bendicomus dómino" - "Deo gratias", non ha pasar á historia onde quedan rexistradas as cacofonías e os disparates selectos. É festa, dixen. Na eira de enriba, ao abeiro das corticeiras, a banda municipal de Padrón, baixo a batuta de don Tomás Beteta, tira de repertorio: alboradas, muiñeiras, pezas bailables, abreviaturas dos clásicos, da zarzuela... Por aí anda tamén, a facer de meritorio no mundo da farándula, o Pepe Domingo Castaño, un rapazolo coma nós, pero ben espelido.
A orde do día ofrece unha variante, se a comparamos coa do ano pasado: contamos coa visita do ilustre doutor Eliseo Seoane, que, polo visto, é o noso novo Prefecto de Estudos, en substitución de Campelo. Eu veño de aprender a existencia de tal cargo (do cesamento e do nomeamento), arestora, e "a renglón seguido". Convócanos a campá. Cando formamos para recibir e para escoitar ao Eliseo, temos diante a un frade algo groso , (salvando diferenzas) unha versión facsímile do Cacheda, apaisanado, estereotipo do labrego de Mazaricos ou de santa Comba de Xallas, que, segundo escoito, é de onde el procede. O discurso deste intelectual de mérito, trala preceptiva presentación, resulta, ao meu modo de ver, torpe, decepcionante, e ata risible; de feito, causou bastante "cachondeo". Deus me perdoe, despois de me aburrir e de lle perder a cosideración que lle profesara, fixei a miña mirada naquela tonsura franciscana súa e soportei o resto do discurso atarefado en lle examinar, unha por unha, as peladas que tiña na cachola, profanada polos ácidos do laboratorio.
Palmadas de "rompanfilas" das mans do sarxento Rielo. Por fin libres! O Leoncio Villanueva abre a billa do gramófono, debruza, verque o manancial da Novena sinfonía de Beethoven​ polas fiestras da colmea conventual e o "Himno da alegría" (letra de F. Schiller) gabea polas alamedas, pola floresta..., polas veas e polos corazóns destes adolescentes, destes xoves, destes renovadores da eterna primavera.
(Rioderradeiro)

No hay comentarios: