sábado, 14 de noviembre de 2020

HERBÓN (2) (MALETA da memoria e dos RECOÑECEMENTOS)

 


  Bombachos. Saltas dos pantalóns curtos aos bombachos, coma se, en Louro, na casa familiar, deixases, agora mesmo, a nenez e, obediente á chamada, te embarcases na adolescencia, ao encontro de quen -supuñas- deberías ser TI no futuro. "No baúl, o calzado, os cobertores, media ducia de sabas, as fundas de almofada, as toallas, a roupa de abrigo, algo para ires comendo (pouco a pouco), de merenda, nos recreos. Na maleta, o miúdo e cotián: os xabróns, os útiles de aseo, os calcetíns, as mudas máis urxentes e necesarias... E coida ben de toda a roupiña, neno, que nós non che somos ricos e a teu pai cóstalle moitísimo ganalo, pasando fame e fría, arriscando, decote, a súa vida polo lombo do mar, que é mol e dá moitos disgustos."

Dúas disciplinas coas que non empatizaba: música e debuxo. Para a música, sen embargo, contaba cun oído aceptable e cunha voz de tiple, de tiple segundo, que tampouco desafinaba. Sempre formei parte da coral e, ao abeiro do grupo, fun disimulando a falta formación e de interese; memoricei o primeiro "Método de solfeo de Hilarión Eslava" de tanto escoitar as leccións aos meus condicípulos, e pódeseme catalogar, sen dereito a reclamo, de analfabeto funcional na arte máis sublime. E o debuxo? No debuxo aínda peor; considerabame negado. Ambas asignaturas aprobeinas sempre, e en xuño!, e rebaixaban e afeaban a media do conxunto; iso, certamente, magoaba o meu ego e, carallo!, doíame. Hoxe, creo, estou case seguro de que non lle puxen o sacrificio necesario nin colaborei dunha maneira honrada con quen tratou de me axudar a consiguilo. Co que me gusta esoitar boa música..! Pero esa afección débolla, sen dúbida, a Leoncio Villanueva, o profe de latín, persoa ocurrente, simpática, imprevisible. O Leoncio, tralas "Catilinarias" de Cicerón, "De bello gálico" de Caesar..., de alancada, no armonium, debullaba un motivo, unha característica, unha novidade, un movemento da "Novena de Beethoven", de "A flauta mágica" de Mozart, da "Cuarta sinfonía de Brahms"..., e así, paseniñamente, ía plantando en nós a semente (a adicción, o vicio) da arte máis sublime. Tardei varias décadas en me decatar de canto lle debía ao Leoncio Villanueva.

Sergio. Sergio Álvarez, doutor en Clásicas pola Universidade de Salamanca, substituiu ao singular Leoncio con outra metodoloxía, con outro estilo, cunha achega máis racional, pero menos imaxinativa. Persoa traballadora, delicada, tímida, do Sergio que, coma ensinante de latín e de grego, sen presumir, amosaba unha gran competencia, nós, coma quen dis, pícaros, abusamos del, da súa inxenuidade e da súa delicadeza; cando o latín ou grego coincidían co luscofusco e a luz natural daba paso á da bombilla, se nos collía cansos (cabróns!), afrouxabamos a lámpada, desconectabámola da rede eléctrica da maneira que fose, e, o cándido doutor, polo regular, tragando o anzol, para non sacrificar a nosa vista, víase na obriga de modificar o plan e botaba man dunha alternativa máis lúdica. Foi moi bo profesor; se cadra, demasiado comprensivo.

Feijoo! O mestre de mestres, o P. Manuel Feijoo...: son palabras maiores. Dicir deste home que era músico, un músico de altura, vale; un organista virtuoso, intérprete rigoroso, detallista e, á vez, (re)creativo de Bach, de Händel, da música sacra... por calquera dos seus percorridos, vale; un compositor de mérito (daquela clandestino), vale; un director de orfeón, de sona en Galiza, e fóra, alá polos oitenta, vale; dicir, como eu digo agora, e levanto a voz para afirmalo, que foi o mellor ensinante de toda a miña vida, tamén vale, aínda que non estou seguro de ter dado coa forma de ennobrecer a superficialide das palabras e de afondar no seu verdadeiro contido. Clave, fundamental -digo-, este Feijoo, no meu "curriculum vitae", só seguido, en complementariedade, polo profe de francés, J.Mª Vázquez, quen potenciou as miñas pequenas capacidades e me abriu as portas (sen pretensións) do porvir e as do campo de cultura.

No capítulo dos agradecementos (equezo, por decreto, o negativo) caben perfectamente os demais profes: o de matemáticas, Feliciano, salientable pola súa adicación e polo seu afán en favorecer o coñecemento científico; o de Ciencias, P. Carreño, home esforzado; os de xeografía (Lamela e Larrauri), que contaba con material pedagóxico escaso; os de historia, Campos e Humberto, ambos competentes e aperturistas; Carlos Reza..., encargado da "retórica e da oratoria", que eran asignaturas informais, de fantasía, unhas "marías".

A maleta! Ao baúl, ben identificable pola cor e pola pegada froito do cabreo de meu pai, confinado nun cuarto pequeno, perdinlle a pista por completo; a estas alturas non podería afirmar que mo expropiaron ou que se extraviou, pero creo que non mo devolveron. Pola contra, a maleta (senécdoque da adolescencia e da primeira xuventude, ao abeiro do Ulla), a maleta -repito- acompañoume ao longo da travesía franciscana, e regresou comigo a Louro (en xullo do 61), repousou no faiado familiar, ateigada notas inconexas, de cartas, de ocurrencias, de veleidades literarias, de fotos, de intimidades..., e mantivo alí, nas alturas, esa memoria gráfica; porque era parte ou extensión miña. Cando casei, baixeina daquel altar e procoureille outro, ao meu carón, no novo domicilio; pero, co tempo, resultaba difícil asignarlle espazo de respecto e, moi ao meu pesar, compartiu, cos trastes da nostalxia, un patio de luces interior onde, inverno tras inverno, as humidades, as pingueiras, os cambios de temperatura, o tela perdido de vita (semanas e semanas) por mor de traballar en Vigo, foron arruinando continente e contido.

Eu non tiven valor; resigneime, forzado, a prescindir de tan fiel compañía; a miña dona ocupouse de lle proporcionar cristiana sepultura. Non quixen (nin, arestora, quero) saber cando, como, onde se perpetrou o cruel sacrificio. Menos mal que gardo copia de segurida, a resgardo, no banco da cabeza.

(Rioderradeiro)

No hay comentarios: