sábado, 14 de noviembre de 2020

HERBÓN (4) (Tiroliro)



Difícil describilo. Os daguerrotipos da época non sabían capturalo. A natureza, se ten un plan e o realizou no seu físico conscientemente, creo que, en termos estéticos praxitelianos, teríase cebado nel para expresar a desgraza do home neandertaliano. Ignoro se quedaron por aí, por Padrón, pola Mahía, polo Ulla..., imaxes de TIROLIRO, para velas, para me acercar a elas con afecto, para lle pedir perdón e, se mo permite, para abrazalo. Sendo a primeira vista repulsivo, como deixo dito, resultaba ameno e ben simpático; enchía de palabras os nosos oídos adolescentes e aledaba o aire, liberal, con acenos, coma de trapecista ou de cómico de circo ambulante.
O escenario onde a miña adolescencia floreceu e deu paso inicial á xuventude é un lugar afastado do mundanal ruído, fermoso, desde logo, pero tamén húmido e, durante o outono e, sobre todo, no inverno, frío, moi frío. Entrar no soño e concilialo cos pés e cos xeonllos xeados resultábame tarefa imposible. Teño feito, á media noite, flexións, ximnasia sueca, dado saltiños e brincos, ata quecelos e, acto seguido, de calcetíns, aproveitando a temperatura fabricada por este medio convencional, envaiñarme no tobo, debaixo das tres mantas e da roupa de abrigo. Cando o sol despertaba, xa nós, levando a dianteira, tiñamos iniciada a nova xornada, que, por certo, sempre obedecía ás leis do mesmo protocolo: palmadas de Rielo repetidas e espalladas polos catro currunchos dos catro corredores de arriba e polo dormitorio común dos miúdos, embaixo, fronte ao patio; despois, aseo a fume de carozo, misa no oratorio, pequeno almorzo en refectorio; volta ás celdas para arranxar a habitación, baleirar urinario e visitar as comunitarias latrinas.
O estudo, as clases e os recreos estaban cronometrados e respondían ao guión que cadaquén, á perfección, recoñecía. Mañá e tarde, con raras (rarísimas!) excepcións confirmantes da regra, obedecían á noria rotineira que, por unha banda, ofrecía orde, concentración, disciplina mental e física e, pola outra, trataba de fabricar frades, en serie, coma rosquillas.
Quen era quen de nos proporcionar algunha variante rompedora desa ríxida monotonía? Quen? O TIROLIRO. O Tiroliro, desde o bico dunha sobreira da alameda veciña ou mesmamente cabalgando sobre a muralla do bosque, na zona onde os colexiais están a xogar ou a disfrutar do tempo de recreo, abre a billa das palabras coa forza aquela voz baritonal documentada e, amenizando a función, ponnos ao corrente sobre as novidades máis frescas da parroquia de Herbón, de Padrón, das Ribeiras do Ulla, e do val da Mahía... Un sermón orixinal, completísimo, un popurri coma os de "Fray Gerundio de Campazas", se cadra, aínda un bocadiño por enriba dos de "Alias Zotes". Realizaba TIROLIRO (con nós), como vos digo, unha labor terapéutica e social; hoxe, aquí e agora, (claro está) salvando as profundísimas diferenzas, saltando do divino ao criminal, os mecanismos da lembranza obríganme a pensar no "cura de Beiro", Basilio Álvarez Rodríguez, pola súa tesitura tonal, a pulmón, a predicar, polos romarías do país e polas feiras, en prol de cousas e de causas, anque ben distintas, moi, moi... parecidas.
O TIROLIRO, balón de osíxeno e válvula de escape para nós, marabillabámonos:
"...............................................................................Acórdate, cristiano, e ti tamén, PANQUENTE, de cando san Francisco de Asise falaba con el lobo y el cordero y mandaba calar a los paxaros..."
"................................................................................San Antoniño de Herbón, dádenos auga, uvas, viño, pementos, alimentos, tabaco da ración e máis xabrón. Amén!" E viñan aquela marea viva de aplausos.
(Rioderradeiro)


No hay comentarios: