sábado, 14 de noviembre de 2020

HERBÓN (3) (malograda visita de BAIXIÑO)


A ansiedade do meu avó converte as horas previas ao embarque no Castromil, en Muros, en pertinaz insomnio. Bótase anticipadamente a andar de cara á vila; sobe a bordo do autobús, poñamos, ás seis da madrugada; fai transbordo en Noia; arriba a Padrón sobre as once e pico da mañá; segue, á pé, de Padrón a Herbón, deica o convento franciscano de San Antonio, que tamén é seminario, onde o seu primeiro neto está cursando Humanidades. Ausencia absoluta de voces, de ecos, de ruídos humanos...; hai, no escenario aquel, barra libre para os trinos dos paxaros. Fai soar a campá ao tirar da cadea e mantense, durante uns interminables cinco minutos, á espera.
Cantos quilómetros separan Herbón de Caldas de Reis pola carretera vella? Hoxe, aquela distancia, en tempo e metros de andadura, vémola ben abreviada. Partimos de excursión, despois do pequeno almorzo, en rigorosa dupla ringleira, unha tropa de máis de cen rapaces emparellados coma gardas civís, anque uniformados co hábito coloxial antoniano. Imos, pois, os seráficos, coma quen dis, de romaría, ignorantes do rumbo e do porto de atraque onde habemos ancorar e xantar e parolar e darlle renda solta (?) ao nosos xuvenil albedrío. Tomasmos posesión dunha carballeira. Que festa! O fotingo de don Bienvenido, guiado polo P. Vázquez, transporta as viandas, o pan, as froitas e ata unha barriquiña de viño ullán, enxebre, procedente da uva da colleita da horta do cenobio e elaborado, con austera metodoloxía artesá, na mesma factoría.
Foi (resultou ser) unha xornada lúdica, de lecer, dunha certa ledicia; pero, de cando en cando, tamén trufada polos rezos e polas penitencias consabidas. O grolo desencadeara en máis de catro as laicas enerxías. Breves, un sopro, as horas máis felices...
Contar, como presumo (e con sobrada razón) de ter contado co amparo e co afecto ilimitados dos meus avós maternos, Dominga da Roura e Manuel da Balaia, vén sendo entrar no camiño da vida ben arroupado e logo, favorecido con ese plus, entre algodóns, xogar con moitísimas vantaxes as cartas do futuro. Os meus avós foron (e aínda son) meus pais-avós, e non atino a volo dicir mellor de maneira distinta. Nunca supliron aos meus proxenitores (non fixo falta), pero complementáronos ás mil marabillas. O meu avó (quede salientado, arestora, aquí), contaba cunha biografía de emigrante desde os catorce anos; adolescente, tivo que vivir a morte de seu pai, de peste, en Cuba, a comezos de século -que forte!- e devén a razón principal deste relato. Persoa íntegra, liberal (con fundamentos teóricos), intelixente, ocurrente, viaxada, lida, interesada no acontecer do mundo, era -repito- o meu heroe; porque amosaba un enfoque ben diferente do gregario e porque era, contracorrente, antifascita e salvara o seu pelexo (no 36) grazas a se atopar, cando o golpe de estado e a guerra incivil, traballando en América.
Ao meu avó Manuel nunca lle chamei avó, senón "Papá de Abaixo" (nós viviamos máis arriba), "Papá Baixiño" e, finalmente, por simplificación, BAIXIÑO, abreviación herdada polos meus irmáns e transferida, por contaminación, aos nosos amigos e aos nosos veciños. A "Baixiño" ocurríraselle a idea de virme visitar e podería facelo, pois escollera un día non lectivo. A miña avoa Dominga e a miña nai María (únco filla) encargáronse das vituallas que había de traer para gorentarmos os dous, á beira do Ulla, esa lupanda xuntos.
Luscofusco, por alá vén, de volta de Herbón, a pé desde Muros, o meu avó "Baixiño", canso, suorento, coma quen dis, vencido. "Non o vin, María, non o vin, non o puiden ver, miña filla; andaban, segundo me contaron, de excursión polo Salnés, por aquel cu do mundo". Non probara bocado, non abrira a bolsa, nin tan sequera lle tocara cun dedo ao envoltorio da comida. A empanada de sardiñas, incomestible, aceda, levedada pola acción dos fermentos, foi parar ao lixo (na horta) e aproveitada polos paxaros que frecuentaba a cañeira.
Nota Bene: Sabes, María?, o freire con quen falei, ao lle dicir eu o bo e o guieiro que era o noso, miraba para min e ría..., e ría..., coma de esguello, retranqueiro.

(Rioderradeiro)

No hay comentarios: