miércoles, 20 de mayo de 2009

AS PALABRAS RECUPERADAS.



AS PALABRAS RECUPERADAS.


Cando vés a unha cousa destas, como un cursiño de galego, tampouco sabes ben onde te metes. Ti vas alí porque te obrigan e chegas a ver como é a cousa, que che mandan facer e todo eso. Supoño que para todos vén sendo así. Pouco a pouco, empezas a encherte de palabras. En galego é así, esoutro que ti dis é castelán, non está ben visto, a normativa agora cambiou, as cousas teñen que ser como din os que saben, que para eso estudaron. ¿Ou non?

- O que pasa tamén é que, por un lado, a ti sempre che gustaron as palabras e empezas a sentir que a cousa vai collendo outro xeito. Por outro lado, tódolos días tropezas con algo que, sin saber por que, tiñas esquecido, pero que estaba aí dentro, que formaba parte de ti, que eras ti mesmo aínda que non o soubeses moi ben. Aparecen as palabras que eran túas cando eras neno, dá a impresión de que che rabuñan na memoria, que vas remexendo as augas que estaban estancadas e vas recuperando unha vida que nalgures tivechas noutro tempo. Non estaba perdida. Dormía agochada dentro de ti. Cada día é como se te tumbaras no diván do psicoanalista e recobraras un anaco da túa vida, da túa infancia, do teu paraíso perdido. Palabras como terra, nai, lingua, ribeira, mar, brétema ou bágoa son outros tantos territorios nos que te sentes rei, porque te atopas a ti mesmo en comuñón con todas aquelas cousas que che fixeron ser o que es. Estabas mergullado noutras augas que che botaron enriba, atofegado por milleiros de palabras que non eran as túas. E dáche a impresión de que revives, de que chegas de novo á túa illa dourada, ás túas arelas e aos teus medos, ás túas teimas de sempre, e dis: este son eu e esta é a miña terra. E, por mor dun noxento cursiño de galego, acabas caendo na conta de que as palabras son a túa verdadeira patria.

(Ramón Rey García -Moncho do Polo-, A Coruña, 1998).

No hay comentarios: