miércoles, 20 de mayo de 2009

Homo SAPIENS


Primeiro foi o medo.

Cando aquel homo soubo que era sapiens,
por un lado alegrouse:
non era fácil ser sapiens naquel tempo.
Sentiu certa ledicia de saber –por iso é sapiens-
e máis aínda de saberse.
Pero descubriu de seguido
que para moitas cousas era nesciens.
Cousas de fóra, que estaban ao redor,
que el vía e non as entendía,
e, sobre todo, cousas de dentro
que el sentía pero que non vía.

E tivo medo.

E cando tiña medo,
fuxía e agochábase entre as pedras,
e non quería ver, pechaba os ollos:
o mundo volvíaselle escuro.
Non quería sentir, pechaba os ollos:
e unha mágoa medráballe no peito.

Acordábase de cando non sabía,
dos seus curmáns de enfrente,
os que non eran sapiens
e que non tiñan medo,
alomenos non sabían que o tiñan.
Entón púxose triste.

Nacíalle nos ollos como un río
de amargas augas que o consolaban.
E pensou que ser sapiens
e ter medo e chorar eran o mesmo.
Entón sentiuse só.
Ser sapiens tamén era
sentirse só no medio doutros sapiens.

Quixo volverse atrás,
deixar de ser un homo e de ser sapiens.
Pero sentiu entón unha man quente
pousada no seu van. Mirou ao lado
e viuse representado noutros ollos
que nos seus mornamente se adentraban.

Sentiu que lle nacía
unha pomba no peito.
E con ela voou fóra do mundo.
E chorou doutro xeito non sabido.

Mais non estaba triste.
E non estaba só.
E xa non tiña medo.

(Moncho do Polo, 02 – 09 – 03)

No hay comentarios: