lunes, 17 de agosto de 2009

Portocubelo


Don DOMINGO J. BARREIROS LAGO, músico, poeta e pedagogo loureán.


Xeito de vivir.
_____________

Polos campos azuis do Mar de Lira
O mar pásalle o ferro a branca area;
Cada seis badaladas, a marea
Repite decotío o vira-vira.

Eolo apurra ó mar, para que fira
Co aceirado coitelo a rexa vea
Dos Miñarzos, facendo que unha grea
De cabalos de escuma se erga en pira.

Ó abrigo do peirao, a Confraría
Instalou o seu lar, onde un milleiro
De ideas xurden co seu propio selo.

Alí amánsase o mar non sendo ría;
Alí amósase o xeito mariñeiro
De vivir. Alí é Portocubelo.

No hay comentarios: