lunes, 17 de agosto de 2009

Na praia do mar de Lira.


DOMINGO J. BARREIROS LAGO.

Leixaprén 1º
_____________

Na praia do Mar de Lira,
Polo areal de Carnota,
Vai a Virxe do Remedios
Percorrendo a area longa.

Vai a Virxe dos Remedios
Percorrendo a area longa,
Coas súas pegadas miúdas
I-o seu coro de gaivotas.

Coas súas pegadas miúdas
I-o seu coro de gaivotas,
Que pousan no manso mar,
E navegan coma dornas.

Que pousan no manso mar,
E navegan coma dornas
E xogan nos tobogáns
Da aba plisada das ondas.

E xogan nos tobogáns
Da aba plisada das ondas,
Na praia do Mar de Lira,
Polo areal de Carnota.

Na praia do Mar de Lira,
Polo areal de Carnota,
Vai a Virxe dos Remedios
Percorrendo a area longa...

****
******
****

Leixaprén 2
____________

Santa María de Lira
"Ta" a fitar cara a Fisterra,
Para que os seus mariñeiros
Non embarranquen nas pedras.

Para que os seus mariñeiros
Non embarranquen nas pedras,
Teñen á Virxe do Carme,
Que os trae con ben a terra.

Teñen á Virxe do Carme,
Que os trae con ben a terra,
Porque, se se alonxan moito,
Pódeos levar a Lobeira.

Porque se se alonxan moito
Pódeos levar a Lobeira
I-entón, a Nai dos Remedios
Encoméndaos á Xunqueira.

I-entón, a Nai dos Remedios
Encoméndaos á Xunqueira,
Ou ás Mercedes do lado,
Ou ó Cristo de Fisterra.

Ou ás Mercedes do lado,
Ou ó Cristo de Fisterra,
Para que as ondas do mar
Os traian, cando se perdan.

Para que as ondas do mar
Os traian, cando se perdan,
Santa María de lira
"Ta" a fitar cara a Fisterra.

Santa María de Lira
"Ta" a fitar cara a Fisterra
Para que os seus mariñeiros
Non embarranquen nas pedras.

(O día 28/05/09)

No hay comentarios: