martes, 1 de septiembre de 2020

O QUE, ÁS VECES, NOS DISGUSTA RECORDAR



Aquela comitiva de emigrantes españois (pouco importa se galegos, se extremeños, se andaluces) sae da estación de ferrocaril Cornavin de Xenebra, en fileira india, en dirección aos barracóns de inspección sanitaria onde han ser examinados, de pés a cabeza, coa puntualidade e minuciosidade dos reloxos suizos.
Polo visto, veñen presuntamente contratados para exerceren labores agrícolas (de temporeiros) no rural helvético. A estampa, se nos deixamos levar pola memoria de películas do holocausto, en branco e negro, retrotráenos anos de infeliz recordación.
Era, coma xa o sinalara noutro lugar, en dous comentarios, a comezos do inverno do ano 70 do pasado século. A distancia entre Cornavin e as intalacións médicas calcúloa en non menos de dous quilómetros, e a neve a caer inmisericorde sobre esta xente do sur, pouco habituada ás baixas temperaturas, mal abrigada, descoñecedora do idioma, etiquetada coma se fosen cousas, sen dignidade, sen valor, subordinados a quen os manda. Pero por aí van e seguen, en formación, pola beirarrúa, as pertenzas ás costas, durante un tempo interminable.


Os barracóns de exame son de madeira, pero alí non cabe, xuntos, todo este exército ambulante. Os acollidos, despois do estudo corporal, han deixar o lugar aos que agardan vez á intemperie. Hai moito cansanzo, moita tensión, moitísmo nerviosismo acumulado ente os expedicionarios. Sáltome a letra pequena do protocolo sanitario.


Chegamos ao momento cume, o de recoller cadaquén o seu correspondente resultado acreditativo da idoneidade ou non idoneidade coa finalidade de exercer o posto de traballo se lle prometera. Agora convén manter ben desperta a atención dos cinco sentidos para se recoñecer (dado o tremendo rebumbio) na chamada cando sexan mentados, e logo abrirse camiño, vencendo mil atrancos, ata dar coa man que vén de convocarte.


Fóra, á intemperie, os despachados, uns a subir nas camionetas dos patróns dilixentes, na parte traseira, ao descuberto; outros, pola contra, montando garda, pacientes, á espreita. De repente, un grito desgarrador. Que pasa? Aquel mozo, que saíra coma un raio na procura do seu salvoconducto, esnáfrase contra un colgadoiro ateigado de perchas, de ganchos, de cravos..., e alí perde un ollo.
Dentro, na barraca, por tódolos presentes corre, tralo silencio espeso, coma un gran calafrío. Na rúa, grupos de braceiros, baixo a neve inclemente, continúan á espera do “amo” que veña recollelos.


E, sen embargo, polo regular, o suízo é educado, formalmente cortés, e amante da puntualidade e da limpeza. Pero ninguén é tan perfecto que non mereza un pero...


   (Rioderradeiro)

No hay comentarios: