jueves, 5 de noviembre de 2009

Na eira de Antón Cachopa.


BAILE NO LUGAR.

(Poesia (de autor descoñecido para min) que nos ensinou o noso pai cando, a primeiros dos anos trinta, chegou dos Estados Unidos. Os beneficiarios fomos María e mais eu, e, de agora en diante, tamén vós, benqueridos amigos de O GHALIÑEIRO). Manuel da Roura.


Na eira de Antón Cachopa,
Na noite de San Xoán,
Xúntanse mozos e mozas
Para cantar e bailar.
Alí estaba Roque Troque
E mais Alberto Mirás,
Antón Grillo, Xan Raposo
Xorxe de Xan Barxolás,
Pepe, Farruco, Pendello,
Manoel de Toleirás,
Agustiño do Miñoco
Vinculeiro do lugar.

Uns cos seus calzóns de riso,
Outros de cotón de estrán,
Chaleco repinicado,
Gorriñas que xenio dan,
uns zapatitos de orella
enfurruxados coa man
e a polainiña apretada
Para mellor rebrincar.

De mozas era un ¡deus-nos-libre!,
Eran dignas de contar:
Catuxa de Pepe Longo,
Xirinea de Morás,
A Cabezuda, a Pelada,
A filla de Macanás,
E quen bouraba o pandeiro,
Margarida dos Currás.

Oito parellas xa bailan
Ao son do toroloroló...

Oíase barullada ,
Da devesa de Chinás
E decian as castañolas:
“E tarriatrís e tarriastrás”.
Non sei como demo fixo
Alberte, Alberte Mirás,
Tripoulle a Agosto nun callo
Ao tempo de estombeirar.

Agosto, así que viu esto,
Alzou de moca e, ¡zas!,
No curuto da cabeza,
Un pote como un cavás,
E fíxolle un buratás.

Deron en sacar as mocas
E de veras a vourar,
Na cabeza de quen cadra,
Pau aquí, pau acolá.
Tamén o señor abade
Ben o pode declarar,
Que foi de modo e de maneira
Que ata fuxiron os cans.
_

No hay comentarios: